Actualidade Electronic Arts rectifica e retira os anuncios intrusivos de UFC 4

Electronic Arts rectifica e retira os anuncios intrusivos de UFC 4

Marcha atrás. Esa é a medida que tivo de tomar Electronic Arts após a polémica xurdida entre a comunidade de UFC 4. O título de combate amosaba diferentes anuncios comerciais sen previo aviso, tapando a pantalla durante un breve período de tempo.

Esta incursión publicitaria foi duramente criticada polos xogadores, que acusaron á compañía de introducir publicidade intrusiva no xogo.  O balbordo causado obligou a EA a retirar os anuncios e publicar un comunicado explicando o sucedido.

A empresa estadounidense afirma que «este inventario publicitario non é novo na franquía de UFC, aínda que normalmente reservamos a visualización de anuncios en mosaicos específicos do menú principal ou na localización do logotipo do octágono». Desde logo, EA aprendeu a lección xa que «queda moi claro que a integración de anuncios na experiencia de reprodución e superposición non é benvida. O equipo desactivou os anuncios e desculpámonos por calquera interrupción do xogo».

EA unha vez máis recoñeceu os seus erros asegurando que deberían comunicar a introdución da devandita publicidade. Ademais, insisten en que este tipo de insertos non volverán aparecer no futuro.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.