Actualidade InnerSloth baralla a posibilidade da chegada de Among Us a PS4 e Xbox One

InnerSloth baralla a posibilidade da chegada de Among Us a PS4 e Xbox One

Unha das grandes revelación desde verán foi o éxito de Among Us. O título de InnerSloth leva máis de dous anos no mercado, pero non foi até o de agora cando viviu unha explosión mediática totalmente repentina. Un dos principais motivos é a súa accesibilidade, xa que se atopa dispoñíbel para PC e de forma gratuíta en dispositivos móbiles.

Emporiso, PS4 e Xbox One son as consolas que se atopan fóra desta ecuación nestes momentos e os motivos para a súa ausencia son claros. Os propios desenvolvedores explican que o apartado da comunicación é o maior dos problemas, xa que se non se implementa da forma adecuada, pode terminar arruinando a experiencia.

A pesar de todo, o estudio baralla a posibilidade de realizar un port a consolas de Among Us, aínda que deben crear un sistema para comunicacións rápidas. En palabras do propio Forest Willard, «non sabemos se poderemos implementar o chat de voz en consola ou non».

Willard suxire a posibilidade de utilizar rato e teclado para ambas consolas, pero claramente parece unha opción complicada debido á natureza dos sistemas. A chegada do xogo a PS4 e Xbox One supoñería un novo impulso a Among Us que xa conta con máis de 42 millóns de descargas, converténdose no xogo máis vendido en Steam.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.