Actualidade O director de TimeSplitters especula cunha volta da saga

O director de TimeSplitters especula cunha volta da saga

Non tardou moito tempo Steve Ellis, un dos co-creadores de TimeSplitters, tras fichar por THQ Nordic, en sinalar que «chegou a hora» de recuperar esta antolóxica serie de disparos.

O creativo que tamén estivo detrás de lendas como o Goldeneye 007 de Nintendo 64 recoñece en declaracións a VGC que a saga foi sempre un asunto inacabado, unha especie de conta pendente cos seguidores que se debería saldar. «Foi unha serie que estivo adiantada ao seu tempo, naquel momento no que os shooters eran tan grises e os xogos eran alleos ao online»

A compañía con sede en Viena comprou hai un ano os dereitos da franquía TimeSplitters a Crytek, tamén os da marca Second Sight, outro bo traballo do equipo Free Radical, responsable destas obras.

A saga TimeSplitters viu a luz a principios do actual milenio. A súa chegada ao mercado resultou ser un sopro de aire fresco ao xénero de disparos en primeira persoa, grazas ao seu ton desenfadado e ao seu enorme abanico de personaxes, armas e modos de xogo multixogador.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.