Actualidade Pode Fortnite roubar unha coreografía?

Pode Fortnite roubar unha coreografía?

Sen dúbida, un dos elementos que máis destacou de Fortnite desde a súa chegada á fama foron os bailes que o xogador pode realizar a modo de burla ou simple divertimento durante unha partida. A maioría inspíranse en bailes clásicos ou populares, tomando referencias desde grandes iconas pop a bailes viralizados nos últimos anos.

Na práctica, este tipo de movementos convertéronse nunha das fontes de ingreso máis rendibles para Epic Games, que adoitan cobrar por eles unha media de cinco euros por peza. Ata aquí todo ben, pero nos últimos días a polémica volveu salpicar este asunto.

Primeiramente, o cantante 2 Milly estivo estudando denunciar no seu día á compañía americana pola apropiación e uso dunha das súas coreografías, concretamente a da canción Milly Rock. Desde a tempada 5 (agora o xogo atópase na 6), os xogadores poden adquirir un Emote chamado Swipe It, claramente inspirado nos movementos do rapeiro.

Ao parecer, a 2 Milly non lle molestou en exceso que o seu baile estivese integrado no xogo. O que provocou o seu enfado foi saber que Epic Games cobraba aos xogadores por utilizalo, polo que sumou a súa voz ás doutros avogados e artistas que cren que a compañía debería pagar unha comisión por venda ao creador da coreografía en cuestión, igual que se unha canción dun grupo é usada nun videoxogo. Problema? En palabras de Merlyne Jean-Louis, avogada especializada en entretemento, o maior atranco para iso é a “falta de precedentes legais” para poder levar a cabo unha denuncia seria. Aínda habendo centos ou miles de casos con referencia á letra, o son ou a melodía, basear unha denuncia nunha coreografía sería algo moi novo en Estados Unidos.

Hai apenas uns días, outro famoso cargaba contra Fortnite. Donald Faison, coñecido mundialmente polo seu papel como Turk na serie de televisión Scrubs, avivou de novo a chama desta polémica despois de que un asistente ao Vulturel Festival dos Ángeles lle pedise que realizase o seu mítico baile. Este, simplemente respondeu: “Pon Fortnite. Roubáronme esa merda”.

O actor, que acudía ao festival para unha reunión do elenco orixinal da serie, mostrou de maneira clara a súa opinión sobree a inclusión do seu baile no battle royale. No seu caso, resulta idéntico, tanto en ritmo coma en forma.

Ao parecer, ademais de ser un terreo legalmente difícil sobre o que andar, os bailes e movementos en xeral, incluídas as coreografías, están exentas de licenza segundo as leis estadounidenses, polo que de novo regresamos á ausencia de antecedentes legais á hora de que unha persoa denuncie a Fortnite pola apropiación dun dos seus bailes.

O actor de Scrubs chegou a sinalar que “non, non vin nin un peso, aínda que moita xente o imaxine. Alguén roubou esta merda e xa non é miña”.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.