Actualidade Reggie, un título feito por galegos desde Amsterdam

Reggie, un título feito por galegos desde Amsterdam

Degoma é un estudio independente fundado por dous irmáns galegos que viven nos Países Baixos. Reggie, his cousin, two scientists and most likely the end of the world – Reggie, o seu curmán, dous científicos e probablemente o fin do mundo– trátase do seu primeiro videoxogo en desenvolvemento. Un título que mestura acción e plataformas para consola, cunha trama centrada no humor e a ciencia ficción. A gravidade e as súas consecuencias definirán boa parte das súas mecánicas.

O xogo contará cunha intersante estética cartoon.

Presentes na Gamescom deste ano, Reggie xa puido ser probado por algúns dos visitantes da feira europea. Cun equipo de aproximadamente oito persoas, o proxecto xa conta con catro anos de traballo ás súas costas. Cando verá a luz? Todo apunta a que ao longo do ano 2021. A paciencia é unha virtude. Os responsábeis da súa creación avanzan que os diálogos serán en inglés, pero planean unha localización en lingua galega.

Se queres seguir as novas sobre posibles avances que se vaian producindo, a través de Twitter, Instagram, Discord o Facebook poderás facelo.

A obra dixital narrará a historia de Reggie, «un rapaz normal do século 16.000 que ten forma de boliña vermella. Un bo día, algo altera o pasado, facendo que Newton esqueza inventar a súa teoría da gravitación universal, fundamental no avance da ciencia moderna. Isto provoca un efecto bolboreta que chegará até a época de Reeggie, momento no que decide regresar ao pasado para resolver todo o asunto. Alí, as cousas estarán peor do que seemellaba» explica a sinopse oficial.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.