Actualidade Respawn anuncia a versión móbil de Apex Legends

Respawn anuncia a versión móbil de Apex Legends

Estreado durante a febre mundial dos battle royale, Apex Legends, a aposta de Respawn Entertainment e Electronic Arts polo xénero, segue viva… e pronto dará o salto aos teléfonos. Así é, os seus responsables anunciaron oficialmente Apex Legends Mobile.

Máis aló da posibilidade de podermos xogar ao título alá onde queiramos, que seguro é algo ben recibido pola comunidade, tamén é interesante ver que a versión chegará máis pronto que tarde. O estudio sinala no seu anuncio oficial que se habilitará unha beta pechada este mesmo mes, en India e Filipinas, e que posteriormente irá chegando a outros países do mundo ao longo do 2021.

«Sabendo que Apex  Legends Mobile creouse especialmente para dispositivos móbiles, non contará con cross-play coas versións para consolas ou PC», explican na nota. Tamén terá «os seus propios pases de batalla» e os seus «elementos cosméticos», pero non queda claro se se poderá usar a conta de toda a vida cos personaxes que xa temos desbloqueados e demais. Está por ver, claro, ao ser un xogo diferente, se isto é algo importante ou non.

Sexa como for, a vida segue na obra orixinal, que pronto recibirá unha nova lenda de nome Valkyrie, presentada hai nada a través dun novo vídeo. Por suposto, chegarán algunhas cousas máis, como armas novas e diversas correccións, o próximo 4 de maio, día da estrea do parche.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.