Actualidade Retrásase o apetecible potencial de Biomutant

Retrásase o apetecible potencial de Biomutant

Dende o seu anuncio, Biomutant acaparou a atención do respetable. Desenvolto por Experiment 101, baixo o paraugas de THQ Nordic, será un xogo de acción con elementos RPG ambientado nun mundo aberto de 16 quilómetros cadrados. Poderase desfrutar en PC, PS4 e Xbox One.

Se ben a Gamescom posibilitou a chegada dun novo e interesante gameplay de Biomutant, a decepción chegou desta vez en forma de retraso. O título de THQ Nordic tiña previsto o seu lanzamento este mesmo ano, pero parece que os seus responsables optaron por levar a súa estrea ata o verán de 2019. Aínda sen especificar os motivos, é probable que a chegada de títulos tan potentes este outono (coma Red Dead Redemption 2) e tamén a comezos do 2019 provocara que a compañía decidira lanzar esta nova IP cun pouco menos de competencia no mercado, e facilitar así a súa xerminación e posterior floración. Por outro lado, seis meses supoñen unha inxección extra de tempo nada desprezable á hora de pulir os elementos máis frouxos do proxecto.

Con todo, o novo video de máis dun cuarto de hora de duración aporta unha visión máis que interesante do xogo. Amosa un sistema de combate áxil e veloz, aderezado cunha mestura curiosa de elementos de xéneros variados. Non poucos venn en Biomutant certas reminiscencias con Ratchet and Clank ou Jak & Daxter, vellos mitos de pasadas xeracións. O certo é que as posibilidades que nun principio ofertará a obra de Experiment 101 son prometedoras canto pouco, dende o nivel de personalización e roleo, á maneira na que poderemos interactuar cos elementos que habitan os escenarios. Un mapa, por certo, que promete ser dun tamaño considerable, e que poderemos percorrer libremente en diferentes e orixinais transportes.

Aquí quedan, os 19 minutazos de Biomutant:

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.