Actualidade Rockstar pechará os servidores de GTA Online en PS3 e Xbox 360 este ano

Rockstar pechará os servidores de GTA Online en PS3 e Xbox 360 este ano

Podería un pensar que é unha decisión estraña por parte de Rockstar pechar os servidores de GTA Online en PS3 e Xbox 360 se pensamos no moito que se fala e que xogamos a este título, pero é certo que as súas vendas, continuas no tempo, indican que a maioría dos xogadores xa xogan desde PC, PS4 ou Xbox One (e en pouco tempo en PS5 e Series X| S).

Así é, a compañía estadounidense sinalou que a finais deste ano pechará os servidores de PS3 e Xbox 360, polo que terás que comprar un modelo superior de sistema se queres seguir xogando en liña en Los Santos. A data concreta está fixada para o 16 de decembro de 2021. A partir deste intre tampouco poderás comprar Tarxetas Quenlla nin realizar ningunha actividade en liña dentro do xogo.

A mesma Rockstar sinala e destaca que «estes cambios son estritamente para as versións de PS3 e Xbox 360 de GTA Online», polo que non terá repercusión algunha nas aventuras de Trevor, Michael e Franklin, é dicir, na campaña.

Doutra banda, tanto Max Payne 3 como L.A. Noire tamén verán chegar o fin dos seus servidores e deixarán de rexistrar estatísticas. No caso destas dúas obras, o apagamento chegará un pouco antes: o 16 de setembro.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.