Spiritfarer supera o medio millón de copias e celébrao coa súa primeira expansión, Lily

Spiritfarer supera o medio millón de copias e celébrao coa súa primeira expansión, Lily

Que Spiritfarer foi un dos grandes xogos do 2020 ninguén o dubidaba, desde logo non a critica, mais semella que o medio millón de copias que vendeu desde o seu lanzamento confirman o seu éxito tamén entre o público en xeral.

Thunder Lotus Games, o estudio responsable do título, anunciou a través da súa páxina que conseguiu vender máis de 500.000 unidades do xogo, un dato que recompila as cifras de todas as plataformas nas que está dispoñible —aínda que non conta as descargas realizadas desde o Game Passs de Xbox—.

Amais de celebraren esta noticia, os responsables de Spiritfarer tamén fixeron oficial a chegada de Lily, unha actualización que inclúe diferentes novidades como a introdución do espírito que dá nome a este parche, baseado nas bolboretas. Controlando a Stella, deberemos axudalo a realizar ese tránsito entre mundos.

A expansión, de balde, inclúe máis contido para a historia persoal da protagonista e diversas melloras para o xogo cooperativo. A día de hoxe, a obra está dispoñible en PS4, Xbox One, Nintendo Switch, PC e Stadia; ademais de estar incluída no catálogo de Xbox Game Pass.

Editor

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Artigos relacionados