Actualidade The Devil in Me, cuarto título da antoloxía The Dark Pictures, presenta o seu primeiro tráiler

The Devil in Me, cuarto título da antoloxía The Dark Pictures, presenta o seu primeiro tráiler

The Devil in Me, nome do cuarto título da antoloxía The Dark Pictures, acaba de presentar o seu primeiro tráiler. Trátase dun breve avance do que nos agarda, mais achega algunhas pistas sobre a súa ambientación. O título poñerá fin a esta primeira tempada contando a historia dun grupo de documentalistas que viaxan até o hotel de H. H. Holmes, considerado o primeiro asasino en serie dos Estados unidos.

Si, un plan fantástico que, por suposto, non será máis que unha trampa para que alguén se dedique a recrear algunhas das mortes do asasino en cuestión. «Será a historia máis estarrecedora da antoloxía», explican desde Bandai Namco, insinuando que este episodio deixará de lado os elementos sobrenaturais como tal. Recapitulando, Man of Medan levounos até un barco pantasma; Little Hope, a un pobo onde as bruxas eran o normal; e House of Ashes, que acaba de ver a luz, até un templo de Iraq no que un grupo de soltados aprenderon o que era o terror.

Non hai data, tampouco plataformas nas que será lanzado este novo capítulo, pero si foi confirmado que The Dark Pictures continuará con este formato de terror interactivo e mesmo cooperativo nunha nova tempada doutros catro episodios.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.