Actualidade This War of Mine pasa a ser material de estudo no currículo educativo de Polonia

This War of Mine pasa a ser material de estudo no currículo educativo de Polonia

Un paso adiante máis que interesante á hora de recoñecer o valor educativo e cultural dos videoxogos. This War of Mine pasará o vindeiro curso a ser un material oficial máis co que poder traballar os docentes de Polonia, ao ser incluído dentro dunha lista de obras con valor formativo para o estudantado.

«Os videoxogos xa se usan para ensinar matemáticas, química ou para desenvolver habilidades cognitiva, pero creo que non hai outro exemplo [coma o noso] de inclusión oficial dun videoxogo no sistema educativo a nivel nacional como lectura escolar», explica Grzegorz Miechowski, director executivo de 11 bit studios. «Os videoxogos teñen unha linguaxe fácil de entender para os estudantes: a linguaxe da interacción. Usando esta linguaxe, os videoxogos poden falar de todo: emocións, verdade, loita entre o ben e o mal, a humanidade, o sufrimento».

Só os estudantes maiores de 18 anos poderán acceder a el, seguindo as indicacións do PEGI. Considerarase unha obra de relevancia para o alumnado que cursen materias de socioloxía, ética, filosofía e historia. De que trata This War of Mine? Considérase un dos mellores —e de máis éxito— xogos bélicos da década, ao ensinar as vidas das vítimas máis fráxiles das guerras, fuxindo do típico retrato de heroísmo e acción dos shooters, poñendo o foco na toma de decisións, a xestión de recursos e a absoluta desolación que provocan estes conflitos armados.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.