Actualidade O Goberno anuncia axudas de 70 millóns de euros para o sector tecnolóxico

O Goberno anuncia axudas de 70 millóns de euros para o sector tecnolóxico

O Goberno de España continúa dando forma ao plan de reconstrución económico que se antolla obrigatorio para paliar a crise provocada pola pandemia do coronavirus. O Consello de Ministros celebrado este martes aprobou, entre outras medidas, unha partida orzamentaria de 70 millóns de euros que irán destinados a potenciar a industria tecnolóxica, o que incluiría ao sector do videoxogo, afastándoo do estandarte cultural.

As axudas serán xestionadas polos ministerios de Cultura e Consumo, reservándose 20 millóns para potenciar o emprego xuvenil na industria dixital. Os 50 millóns de euros restantes servirán para mellorar a oferta tecnolóxica en contidos dixitais e o desenvolvemento tecnolóxico baseado en intelixencia artificial e outras tecnoloxías habilitadoras. Polo momento, descoñécense as condicións impostas para acceder a estas axudas, pero si se confirmou que o proceso se realizará a través de Red.es. Amais desta partida inicial, o Goberno sinalou que as empresas da industria do videoxogo poderán solicitar un «crédito brando» na sociedade financeira sen ánimo de lucro CREA SGR, na que o Goberno inxectará 20 millóns de euros adicionais.

Nas súas declaracións públicas, o ministro de Consumo, Alberto Garzón, sinalou que «o sector é unha das industrias crave do plan de reconstrución económico e social como resposta á crise do COVID-19 polo seu carácter innovador e creativo, polo uso intensivo das novas tecnoloxías e o fomento do emprego, e pola súa contribución a novos modelos de consumo sostíbel e prevención de condutas de uso intensivo en colectivos de risco, especialmente os menores de idade».

Pola súa banda, a Asociación Española de Empresas Produtoras e Desenvolvedoras de Videoxogos e Software de Entretemento (DEV) sinalou nun comunicado que o sector dos videoxogos queda outra vez excluído das medidas fiscais pensadas para axudar á industria cultural, medidas levan anos reclamando e tratando de convertelas en realidade.

Segundo o dito pola DEV, a crise económica derivada da pandemia podería custarlle ao sector do videoxogo uns 90 millóns de euros en facturación e unha clara retardación do seu crecemento, augurando que se a crise dura máis dun trimestre existirá o risco da non continuidade para o 46 % das empresas existentes.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.