Actualidade Xbox Game Pass Ultimate incorporará o xogo na nube de Project xCloud

Xbox Game Pass Ultimate incorporará o xogo na nube de Project xCloud

Se o servizo de Xbox Game Pass xa era unha das mellores cartas de Microsoft para a vindeira xeración de consolas, a empresa californiana quixo subir a aposta mellorando aínda máis o servizo: Phil Spencer confirmou que o seu servizo de xogo en streaming, Project xCloud, pasará a estar integrado no Xbox Game Pass Ultimate —a versión máis potente do mesmo— a partir de setembro.

Que significa isto? Na práctica, amais de gozar das posibilidades e obras que ofrece Xbox Live Gold, o seu catálogo, con xCloud os usuarios poderán gozar de xogos como Forza Horizon 4 ou Devil May Cry 5 nos seus dispositivos móbiles. «Co noso servizo na nube en Game Pass Ultimate poderás xogar a máis de 100 videoxogos de Xbox Game Pass no teu teléfono ou tablet», explica Spencer. «E como Xbox Live está conectado con todos os dispositivos, podes xogar xunto con preto de 100 millóns de xogadores de Xbox Live en todo o mundo. Así que cando Halo Infinite chegue, os teus amigos e ti poderedes xogar xuntos en calquera lugar e a través de calquera dispositivo».

Sen dúbida, Microsoft continúa facendo os deberes cos dous ollos postos na estrea de Xbox Series X a finais de ano. Outra das características máis interesantes da súa nova máquina será a retrocompatibilidade total coa que contará, ou o chamado Smart Delivery, que permite melloras visuais substanciais nos xogos de Xbox One que cheguen logo a Series X.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.