Actualidade Presentado Hyrule Warriors: A era do cataclismo, o Zelda de Koei Tecmo

Presentado Hyrule Warriors: A era do cataclismo, o Zelda de Koei Tecmo

Semana de sorpresas na casa da Gran N. Apenas uns días despois de presentar os seus plans para o 35 aniversario de Super Mario, a compañía xaponesa sorprende cunha breve emisión na que outra das súas franquías estrela aparece como protagonista, The Legend of Zelda. Non, non houbo noticias sobre Breath of the Wild 2; en realidade, Nintendo quixo presentar outro título dentro do universo Breath of the Wild chamado Hyrule Warrior: A era do cataclismo.

O novo episodio de Zelda está feito baixo a batuta de Koei Tecmo, convertendo así a historia nunha triloxía de xogos. Narrará os acontecementos sucedidos cen anos antes de The Legend of Zelda: Breath of the Wild, tal e como explicou o produtor da saga, Eiji Aonuma. «Naquel xogo falábase do gran cataclismo acaecido un século antes, pero o acontecemento en si non se mostraba por completo. Neste xogo poderás vivir ese gran acontecemento en primeira liña».

Segundo o explicado e mostrado polo estudio, teremos a oportunidade de tomar o control de Link, Zelda e outros personaxes distintos dentro da historia do xogo, como os catro elixidos. Tamén destaca a estreita colaboración que se mantivo co equipo da obra orixinal á hora de construír as mecánicas do xogo, os gráficos, o mundo e os diálogos.

«Malia que mantivemos o estilo de xogo da serie Warriors con emocionantes combates de ‘un contra mil’ e moitos personaxes xogables, este será o único xogo que vos permitirá vivir o mundo de Hyrule cen anos antes dos acontecementos de Breath of the Wild», explican desde Koei Tecmo.

Hyrule Warriors ten prevista a súa data de lanzamento para o 20 de novembro, en plena campaña de Nadal. Mesmo especificouse o seu tamaño de descarga inicial: 15,6GB.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.