Actualidade Microsoft fai oficial a compra de Bethesda

Microsoft fai oficial a compra de Bethesda

ZeniMax Media, a empresa dona de Bethesda até este momento, é xa parte de Xbox. Phil Spencer, a cara máis visible da marca verde, anunciou que o trato foi pechado de xeito oficial logo do visto e prace da Comisión Europa e a Comisión de Bolsa e Valores nos Estados Unidos.

A noticia, que se deu a coñecer o ano pasado, foi un dos movementos empresariais máis potentes dentro da industria do videoxogo, con Microsoft sacando da carteira uns 7.500 millóns de euros para a adquisición. «É unha honra», sinala Spencer, «recibirmos estes oito talentosos estudios de desenvolvemento –Bethesda Game Studios, id Software, ZeniMax Online Studios, Arkane, MachineGames, Tango Gameworks, Alpha Dog e Roundhouse Studios–, así como ás súas comunidades en todo o mundo, á familia de Xbox».

Agora que o asunto non ten marcha atrás, Xbox quixo xa deixar un recado sobre posibles exclusividades, informando que Xbox, PC e Game Pass serán «os mellores sitios para gozar dos próximos xogos de Bethesda, incluíndo algúns novos que serán exclusivos de Xbox e PC». Cales? Aínda é cedo para sabelo. A día de hoxe, Bethesda ten en desenvolvemento Elder Scrolls VI e Starfield, entre outras obras.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.