Actualidade GTA Online mellorará os seus tempos de carga en PC grazas a un modder

GTA Online mellorará os seus tempos de carga en PC grazas a un modder

Os tempos de carga de GTA Online son un feito máis que coñecido polos seus xogadores. Con todo, parece que agora serán algo máis curtos, pero non por iniciativa de Rockstar, non. Foi un modder quen logrou reducir estas pantallas de carta até un 70 %. A compañía valorou o esforzo do usuario, que será recompensado con 10.000 dólares, pois implementarán as súas modificacións de forma oficial.

«Logo dunha investigación fonda, podemos confirmar que o xogador t0st logrou identificar un aspecto do código do xogo relacionado cos tempos de carga de GTA Online en PC que podería ser mellorado», comenta Rockstar, nun comunicado compartido por PC Gamer. «Por mor destas investigacións, levaremos a cabo algúns cambios que serán implementados nunha actualización futura».

A través da súa páxina web, o modder tamén explicou en profundidade todos os cambios que realizou, aínda que na práctica todo podería ser traducido no que o titular indica: menos esperar, máis xogar. Na teoría, segundo as explicacións de t0st, durante o proceso inicial de carga, GTA Online realiza millóns de comprobacións de arquivo redundantes nun único fío de execución, o que crea un colo de botella que retarda o arranque do xogo, mais tiña unha solución doada (polo menos para el).

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.