IO Interactive, pais de Hitman, anuncian a apertura dun novo estudio en Barcelona
Responsables detrás do éxito internacional que acadou a saga Hitman, IO Interactive acaba de anunciar a apertura dun novo estudio de desenvolvemento de videoxogos en Barcelona.
As novas oficinas, situadas na capital catalá, traballarán en colaboración cos estudios que a compañía xa posúe en Malmö e Copenhagen en tres proxectos diferentes: a vindeira entrega da saga Hitman, o xogo de 007 e unha IP aínda por anunciar.
Tal e como queda recollido na sección de contratación da web da empresa, o novo estudio ten abertas as súas portas a novos talentos, pois están en pleno proceso de fichaxes.
We're excited to announce a new studio as part of our ambitious plans for the coming years.
Introducing IOI Barcelona.https://t.co/xyoMwEGbMH pic.twitter.com/RDGtX3e003
— IO Interactive (@IOInteractive) April 16, 2021
«Avecíñanse tempos emocionantes en IO Interactive e estou orgulloso de anunciar o seguinte paso nos nosos plans para a compañía de xogos máis desexada de Europa. IOI Barcelona converterase no terceiro estudio que se unirá aos nosos esforzos para crearmos experiencias fenomenais para os nosos xogadores e comunidades», explica Hakan Abrak, director xeral de IO Interactive. «Os nosos tres estudios contan con desenvolvedores de gran talento, apaixonados e motivados polo desexo de influír na nosa industria. Unha parte fundamental da nosa filosofía é que todo o mundo en IOI ten un papel importante e impactante na realización dos nosos soños, independentemente da súa localización. Pensa niso como un único estudio, en múltiples localizacións».