Actualidade Cookie Clicker publicarase en Steam, remasterizado, o 1 de setembro

Cookie Clicker publicarase en Steam, remasterizado, o 1 de setembro

O lendario xogo de DashNet, Cookie Clicker, aterrará en Steam o próximo 1 de setembro. Trátase dunha edición ‘remasterizada’ e inclúe novidades importantes como o gardado na nube —por fin— e centos de logros.

O anuncio coincide co seu oitavo aniversario, e trae de volta un título que viu a luz no ano 2013. Agora teremos unha versión que recolle todas as actualizacións que foron chegando á súa versión de navegador, malia que tamén engadirá algunha que outra novidade.

Que é Cookie Clicker? Se non o coñeces, quizais esteas estrañado pola cantidade de atención que xerou este anuncio. A cuestión é que se trata dun xogo moi adictivo, no que non poucos investiron horas, días, semanas e meses. Detrás da súa creación está Orteil —o francés Julien Thiennot—, que revelará máis información sobre o xogo nos próximos días. Polo momento, é sabido que terá un prezo de 5 dólares.

Da publicación encargarase Playsaurus, que ten experiencia nisto dos xogos incrementaler, ao editar no pasado Clicker Heroes e a súa secuela. Cookie Clicker entra dentro dos chamados idle games.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.