Actualidade David Cage confía na tenda de Epic para levar os seus xogos a PC

David Cage confía na tenda de Epic para levar os seus xogos a PC

O tridente de Quantic Dream, ata agora exclusivo de Sony, chegará a PC nun futuro non moi afastado. Falamos, como non, de Heavy Rain, Beyond: Dúas Almas e Detroit: Become Human.

As tres aventuras, dirixidas por David Cage, moi centradas na narrativa e a experiencia cinemática do xogador, serán exclusivas da Epic Games Store. De novo, os responsables de Fortnite presumen de billeteira e logran obter a venda única de tres éxitos de PlayStation.

Beyond: Dúas almas tivo un custo de desenvolvemento de 27 millóns de dólares e contou con Ellen Page e Willem Dafoe como protagonistas.

Foi durante a Game Developers Conference (GDC), celebrada en San Francisco estes días, o momento elixido para o anuncio. Non foi o único desta clase. A tenda de Epic tamén sumou a exclusividade de The Outer Worlds (tamén sairá en Windows Store), o novo título de Obsidian, de forte inspiración Fallout; e de Ancestors: The Humankind Odyssey. A lista de lanzamentos non acaba aí, tamén figuran Control, de Remedy, The Sinking City, Phoenix Point, Solar Ash Kingdom, Spellbreak, Dauntless, Trover Saves The Universe, Industries of Titan, KINE e Journey to the savage planet.

A nova tenda dixital continúa sumando apoios de diferentes estudios aos xa coñecidos, como é o caso de Ubisoft, que recentemente confirmaba que publicaría máis títulos en Epic Games Store a maiores de The Divison 2.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.