Actualidade Square Enix rectifica e permite xogar sen conexión a FF X/X-2 en PC

Square Enix rectifica e permite xogar sen conexión a FF X/X-2 en PC

Días atrás, os propietarios de Final Fantasy X | X-2 en Steam sorprendéronse ao atopar unha actualización do título para a versión de PC. Principalmente, porque o xogo xa leva tres anos na tenda de Valve e é estraño o engadido de calquera tipo de contido. O asunto saltou aos foros internos e comprobouse que a actualización tan só agregaba ao xogo un requisito de administración de dereitos dixitais, o que obrigaba aos xogadores a precisar dunha conexión permanente a Internet para gozar da obra orixinal de PlayStation 2. Unha característica para nada necesaria nun título destas características.

O malestar dos usuarios foi notorio nas primeiras horas e Square Enix quixo corrixir a decisión, tomou cartas no asunto, e actualizou de novo o xogo para remover a restrición. Na propia páxina oficial de Steam, a compañía xaponesa ofrece unha breve desculpa á comunidade. «Eliminamos a última actualización con efecto inmediato, e agora podes seguir experimentando o xogo como antes», explican.

Aínda que o asunto queda resolto, a editora non deu ningún motivo ou explicación de por que se programou a primeira actualización. Algúns usuarios opinan que se tratou dun movemento para evitar futuros pirateos da obra agora que Final Fantasy X | X-2 HD Remaster aterran en Nintendo Switch e Xbox One. Farano o 16 de abril.

Square Enix lanzará en abril Final Fantasy X | X-2 HD Remaster para Switch e Xbox One.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.