Blue Protocol, o novo RPG de Bandai Namco

Blue Protocol, o novo RPG de Bandai Namco

Sen tempo nin para respirar. A axenda de lanzamentos de Bandai Namco configúrase como unha sucesión inevitable de títulos de enorme interese entre a comunidade de xogadores. Dentro do xénero RPG a compañía ten un nome de seu, e no horizonte sitúanse as saídas de Code Vein, Tales of Arise e a remasterización de Nin no Kuni: A Ira da Bruxa Branca para Nintendo Switch. Por que non engadir outro proxecto máis? Blue Protocol é o novo título revelado e xa está en desenvolvemento.

Logotipo oficial do proxecto.

Trátase dunha aventura que combina acción e RPG, mentres que a plataforma elixida para o seu lanzamento será o PC. Non hai data concreta de aterraxe, aínda que o proxecto está a ser levado por Project Sky Blue, estudio formado por traballadores de Bandai Namco Online e Bandai Namco Studios.

Que narrará a súa historia? Poucos detalles desvelou Bandai Namco sobre o seu argumento, pero si que o mundo no que está ambientado está ao bordo da destrución e haberá que formar un equipo para ter algunha posibilidade de supervivencia. «Marcha con amigos e estraños para vencer a inimigos moito máis poderosos ca ti. Viaxa a través do espazo e do tempo para cambiar o futuro que hai máis aló desta loita!», explica a sinopse oficial.

Polo momento, haberá que conformarse só cunha imaxe.

Blue Protocol está a ser desenvolto con Unreal Engine 4.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.