Reportaxes Bob&Barn: o dúo de terror medieval

Bob&Barn: o dúo de terror medieval

Como cada ano, cando chega o mes de outubro, as noites fanse máis frías e escuras. Aproveitando que se achega a festividade de Halloween, Samaín nas nosas terras, as compañías de videoxogos utilizan este idóneo marco para lanzar xogos de terror que nos fagan estremecer pero tamén rir, como o caso que trataremos.

Bob&Barn, ou o que é o mesmo, Paul Arnold e Andrew Barnabas, dous compositores ingleses responsábeis, entre outros moitos traballos, da banda sonora do estupendo MediEvil lanzado en outubro de 1998 para PSX. Título que volve á vida este mesmo mes en forma de revisión para PS4, e sobre o que imos tratar tanto o seu aspecto musical como as súas influencias.

 

Concepción e influencia

Antes de traballar da man do xa desaparecido estudo SCE Cambridge para realizar Medievil, Andrew Barnabas viña de compoñer a banda sonora para versións de xogos para Amiga como foron Aladdin de Disney ou Double Dragon 3. Foi coa súa chegada a este estudio cando empezou a compoñer xunto con Paul Arnold nos seus primeiros xogos sendo Frogger, un remake para PSX do clásico arcade, un deles. Máis adiante encomendóuselles un proxecto maior e polo que serían amplamente recoñecidos: a aventura de ser Sir Daniel Fortesque.

Para un xogo destas características compuxeron temas de carácter escuro e preciosista que xeraban tensión pero cun punto de humor. Dándolle gran importancia aos instrumentos de vento e corda pulsada, e outorgándolles, en ocasións, un carácter moi xogábel conseguiron un bo equilibrio entre terror e comedia que lle ía como un anel ao dedo, xa que as aventuras de Sir Daniel posuían certo grao de ironía descarada. O tema Scarecrow fields é un bo exemplo disto.

A influencia do traballo de Danny Elfman nestes dous compositores é total e absoluta. O xeito de tratar o misterio, o “raro”, e como a música enxalza á perfección as virtudes daquilo ao que está a ofrecer soporte, este caso un videoxogo de terror/comedia. O son tan característico de Elfman de películas como Pesadelo antes de Nadal, Edward Scissorhands ou Beetlejuice, sendo quizá esta última da que máis beban as composicións de Bob& Barn con ese carácter noble e divertido como ben reflicte o tema principal.

Despois de MediEvil

Dous anos despois do lanzamento de MediEvil vió a luz unha segunda parte que a pesar de ter unha ambientación diferente ao primeiro, a súa banda sonora conservou toda a esencia con novas composicións e algunha revisión de temas do anterior capítulo da franquía.

Non foi até o ano 2005, coa chegada do primeiro MediEvil nunha especie de reboot a PSP, que se substituíu o uso de sintetizadores para a gravación da banda sonora por instrumentos reais. Así, da man da Orquestra filarmónica de Praga volveron gravar temas orixinais achegándolle a esta estupenda banda sonora o único que lle facía falta, un bo son.

É preciso destacar que a parella Bob&Barn traballaron tanto na banda sonora de otros moitos xogos como Primal, a saga Forza, Sega Rally o Neverwinter nights, amais de series de televisión e curtametraxes como Dead pixels ou Retrofit.

Volver á vida

Coa actual chegada da revisión, este venres 25 de outubro, os artistas musicais volveron traballar coa banda sonora orixinal, realizando arranxos e unha nova gravación para mellorar se cabe o seu lembrado traballo.

Ismael Vidal

Músico e profesor. Apasionado dos JRPG e namorado de buscar cómics antigos en tendas esquecidas