Actualidade A brincar! :: Twitch en Galego presenta o primeiro torneo de Grelo

A brincar! :: Twitch en Galego presenta o primeiro torneo de Grelo

Grelo, o primeiro videoxogo do Colectivo Arume, foi presentado ao mundo como un endless run no que esquivar tumbas, morcegos e outros obstáculos. Comer ósos para recuperar vida? Tamén. Grelo é un título pequeno, sinxelo e, si, ideal para medir a habilidade e os reflexos dun bo grupo de xogadores e xogadoras.

Twitch en Galego, colectivo dixital formado por varios creadores galegos da plataforma morada, elixiu a obra de Colectivo Arume como a peza principal dun torneo que xa empezou. Desde o venres 20 de novembro e até o sábado 28 de novembro ás 22 horas, calquera poderá xogar e demostrar a súa habilidade cunha captura de pantalla perante a idea de demostrar quen posúe a puntuación máis alta a golpe de captura de pantalla.

As normas son sinxelas. Unha vez iniciado o torneo, poderanse enviar as capturas a través de Twitter, mencionando a conta @GalegoTwitch, que será a encargada de ir levando a conta e anunciando as marcas que se vaian establecendo para fomentar ese duelo por levar a Grelo até o punto máis afastado que un poida imaxinar. Por suposto, todo aquel que o tente poderá usar as ferramentas que o título lle brinda, como continuar correndo por 25 galletas en caso de accidente.

Toda a información sobre o torneo irase seguindo desde a conta oficial de Twitch en Galego. Ademais, como colofón final, durante as últimas horas do torneo realizarase un directo na canle de Twitch da plataforma para demostrar o seu bo facer en directo. Acción que será comentada e narrada para amenizar a velada. Tamén se contará cun marcador ao vivo na canle de Twitch da Revista Morcego, onde poderás ver un Top 10 durante esta recta final.

E o premio? Unha lámina de Grelo cedida por Colectivo Arume será enviada a aquela persoa que consiga a maior marca ao final da semana. A practicar!

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.