A Epic Games Store quere evolucionar e amosa a súa folla de ruta

A Epic Games Store quere evolucionar e amosa a súa folla de ruta

A guerra entre Epic Games e Valve, entre Epic Games Store e Steam, é un culebrón con guión de seu, actores e episodios. Os creadores de Fortnite saben que non poderán gañar, ou sequera plantar batalla, se non conseguen que a súa plataforma teña máis características que un mero carriño no que inserir as compras. Steam ten o seu workshop, as súas análises, a súa comunidade, os seus logros… Detalles que os xogadores valoran e que tanto se lle botou en cara a Epic. Polo visto, a tenda sufrirá unha remodelación.

Os seus responsables colgaron en Trello os cambios que irán chegando á Epic Games Store ao longo do próximos seis meses. Máis dos que se agardaban nun principio. A plataforma engadirá análises por parte dos usuarios, así como unha lista de desexos, reconto de horas xogadas e, por suposto, soporte para mods, unha das súas principais carencias.

Folla de ruta de Epic Games coas diferentes características a implementar. (Abrir para aumentar)

De momentos, as primeiras características que chegarán serán a opción de gardar partidas na nube, un novo deseño para a interface e melloras no sistema sen conexión. Tamén se poderán buscar títulos por xéneros e etiquetas, non só polo seu nome e compañía responsable.

Este venres 15 de marzo, Epic puxo á venda un deses títulos que conseguiu arrebatarlle a Steam tras o seu acordo con Ubisfot: The Division 2. Un shooter-looter que está a apañar, en xeral, críticas positivas grazas á aprendizaxe previa da súa primeira entrega.

Espiar? Eu?

Aínda que en Occidentee Tencent non é moi coñecida, posúe unha capitalización bolsista de 100 mil millóns de dólares

Doutra banda, nas últimas horas diferentes medios fixéronse eco dos rumores que situaban á compañía como unha espía do goberno chinés a través da súa relación co xigante tecnolóxico Tencent.

Daniel Vogel, vicepresidente de enxeñería de Epic Games, lembrou que «Epic está controlada por Tim Sweeney. Temos moitos accionistas externos, pero ningún destes posúe control sobre os datos dos nosos clientes». O sistema de rastrexo do que derivou na loiada de espionaxe é en realidade unha ferramente utilizada para medir estatísticas e cumprir cos pagos aos creadores de contido, non para enviar información confidencial a China, nin nada similar a unha espionaxe a gran escala gobernamental.

 

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.