Actualidade A ESA inicia os preparativos para un E3 en formato dixital, segundo VGC

A ESA inicia os preparativos para un E3 en formato dixital, segundo VGC

Malia saber que o optimismo está aí na forma de vacinas e restricións que axuden a controlar a pandemia mundial derivada do coronavirus, semella que nada volverá ser exactamente igual. Iso inclúe o E3, que o ano pasado anunciaba unha cancelación histórica, propiciando o primeiro verán sen os seus anuncios desde a súa inauguración en 1995.

Volverá haber E3? Si, a ESA (Entertainment Software Association), organizadora do evento, ten claro que si, pero parece que, polo momento, a aposta realizarase en formato dixital. A idea, cancelada tamén o ano pasado por falta de tempo e compromiso das compañías, volveu tomar forza despois dun verán de dubidoso éxito a través das decenas de propostas independentes que puidemos vivir e, dalgún modo, aburrir.

Segundo os documentos do E3 2021 enviados ás principais editoras e vistos por VGC, a ESA proxecta unha feira vía en liña a realizar entre o 15 e o 17 de xuño. Os documentos aos que tivo acceso o medio de fala inglesa indican a realización de varias sesións de dúas horas con presentacións de xogos, unha entrega de premios, unha gala previa o día 14 e diversas emisións dedicadas a axentes da industria máis pequenos e personalidades influentes.

A información tamén sinala que  durante a semana anterior habería unha enorme cobertura mediática nas diferentes publicacións, así como demos lanzadas en diferentes plataformas, tal e como propón a ESA. Doutra banda, sería habilitada unha infraestrutura para transmitir de forma remota as demos aos medios de comunicación, no que serían centos de reunións oficiais, igual que se realizaban de forma presencial.

Emporiso, VGC quixo seguir tirando do cable e preguntou a algúns estudios sobre a súa posíbel participación este ano, confirmando varios deles que seguirán apostando pola fórmula de non aparecer nun evento compartido, dirixíndose de xeito individual ao seu público. Segundo parece, é preciso ingresar un número de seis cifras para poder estar no E3 de 2021.

Pola súa banda, a ESA emitiu un comunicado dirixido ao propio medio que compartiu a información, aclarando que pronto compartirá detalles exactos sobre o programa, amais de sinalar que mantén unha excelente relación coas desarrolladoras e as editoras.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.