Actualidade A Revista Oficial Nintendo bota o peche

A Revista Oficial Nintendo bota o peche

Día triste para o xornalismo de videoxogos e os seus consumidores en papel. A veterana Revista Oficial Nintendo, editada por Axel Springer, deixará de publicarse en España despois da súa caída de vendas. A noticia saltou ao ámbito público a través dun artigo do Confidencial. Tras 26 anos nos quioscos, a publicación de Mario, Link e outros heroes de Nintendo despedirase cun último número que sairá a semana que vén.

A revista comezou a súa andaina en 1992 baixo o nome de Nintendo Acción, durante a guerra de consolas acontecida entre Sega e a propia Nintendo. Unha época dourada para a información sobre videoxogos e as súas reviravoltas empresariais. A propia rivalidade entre compañías favoreceu a aparición de publicacións especializadas, centradas nunha única plataforma ou marca. Dende entón, polo papel das súas páxinas pasaron as diferentes xeracións de máquinas xaponesas, dende a nostálxica Game Boy á actual Nintendo Switch. Curiosamente, era unha das poucas publicacións que nunca contou con edición dixital como tal.

Na esquina inferior dereita, dúas portadas da mítica Nintendo Acción.

Axel Springer, a multinacional dona do 25 por cento do mercado dos xornais europeos, queda sen a única revista oficial de Nintendo que quedaba no mundo e que mesmo sobreviviu aos peores anos da última crise económica. Si se manterán nos quioscos outras publicacións da empresa alemá: HobbyConsolas, RetroGamer, ComputerHoy, AutoBild e TopGear.

A Revista Oficial Nintendo pasa a formar parte dunha lamentable lista de edicións en papel que pasaron a mellor vida dentro das nosas fronteiras. Outro exemplo desa dinámica podería ser a revista oficial de PlayStation, que botou o peche no 2012. Ese mesmo ano tamén desapareceu Nintendo Power.

Reportaxe sobre Super Mario Odyssey.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.