Actualidade Amazon cancela o seu MMO do Señor dos Aneis

Amazon cancela o seu MMO do Señor dos Aneis

Amazon segue sen atopar o seu sitio nos videoxogos, polo menos no que se refire ao seu desenvolvemento e publicación. A compañía de Jeff Bezos anunciou a cancelación da súa MMO ambientando no universo do Señor dos Aneis.

A noticia foi publicada por Bloomberg, sinalando que o motivo para a cancelación do proxecto foi unha disputa entre Amazon e Tencent. Amazon Game Studios anunciou o xogo en xullo de 2019, como un desenvolvemento conxunto con Athlon Games que acabaría por dar a luz un MMO free-to-play baseado no mundo ideado por Tolkien. Athlon é unha subsidiaria de Leyou Technologies, compañía chinesa que tamén posúe os estudos Dgxital Extremes, responsables de Warframe e Splash Damage.

Este pasado decembro Tencent comprou Leyou, o que obrigou a renegociar os contratos para este proxecto. Os resultados son claros: non houbo acordo entre as compañías e o título foi cancelado. Un portavoz de Amazon explica que están decepcionados coa decisión e a imposibilidade de continuar coa obra, mais todos os empregados do proxecto pasarán a formar parte doutros grupos de traballo.

Descrito como un título triplo A que ía contar con «terras, personaxes e criaturas nunca vistas antes», amais de servir como apoio á serie de televisión que tamén se está producindo para Amazon e que conta cun orzamento de 450 millóns de dólares —só na súa primeira tempada—.

A cancelación deste título sería o segundo fracaso de Amazon Game Studios, que xa viu como no pasado como Crucible nacía, era retirado e finalmente enterrado en apenas catro meses da súa estrea. Pola súa banda, New World, o seu outro MMO en desenvolvemento, anunciou o seu terceiro atraso en febreiro, deixando agosto como nova data para a súa chegada. Veremos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.