Actualidade As filtracións sobrevoan Ubisoft: novo xogo e subscrición de pago

As filtracións sobrevoan Ubisoft: novo xogo e subscrición de pago

Día estraño o deste luns de maio para Ubisoft. A compañía francesa viu nun pequeno lapso de tempo como se filtraba a existencia dunha posible modalidade de subscrición para xogar aos seus títulos, para logo ler no SpielTimes sobre Roller Champions, un título multixogador sobre patíns que sería presentado, en teoría, no E3.

Vaiamos por partes. De que vai Roller Champions? Bebería da fonte de títulos como Rocket League; sería un xogo que mesturaría diversos xéneros baixo unha mesma bandeira e que se relacionaría directamente co roller derby, un deporte coñecido internacionalmente, orixinario de Estados Unidos, por axuntar patíns, velocidade e estratexia. A filtración sobre este futuro título inclúe un vídeo que amosa distinta localizacións nas que practicar e competir.

O certo é que a filtración non acaba aí. Tamén existe unha imaxe cun controlador de Xbox One, no que se mostran todos os comandos dispoñibles, dando unha aproximación das mecánicas internas do propio título. Aínda que non existen imaxes do videoxogo en acción, parece que Ubisoft moveu ficha cara a unha nova experiencia competitiva e multixogador. Soa interesante, por que non. Haberá que esperar ao 10 de xuño, día da conferencia da compañía francesa no E3 para ver se Roller Champions é unha realidade ou só unha ficción convertida en noticia.

 Ubisoft Pass, os galos tamén queren pagos mensuais

Membros do foro ResetEra colgaron diversas probas dun novo servizo de subscrición de Ubisoft baixo o nome de Ubisoft Pass. Por suposto, a compañía non declarou nada respecto disto, pero todo sinala na dirección de ser unha filtración con base real. Unha das probas achegadas consistiría nun placeholder, xa borrado, que desvelaba o nome do servizo. Outra, máis contundente, é a existencia dentro da páxina oficial da propia empresa dun apartado (agora inactivo) dedicado a subscricións.

Sen máis datos, só quedan conxecturas. É moi probable que Ubisoft teña pensado facer un movemento deste tipo. Electronic Arts, por exemplo, xa goza dun servizo similar. Tendo en conta o voluminoso catálogo que posúen os franceses, a tentación de sacarlle un rédito mensual por parte dos usuarios ten que ser, como mínimo, moi grande.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.