Actualidade Astérix e Obélix volverán co Menhir de Cristal este novembro

Astérix e Obélix volverán co Menhir de Cristal este novembro

Meridiem Games revelou hoxe novos detalles sobre Astérix e Obélix XXL3: O Menhir de Cristal. De primeiras, é recomendábel ver o primeiro adianto do videoxogo en cuestión, que non amosa moito gameplay, pero funciona como unha grata presentación á nova aventura que deberán vivir uns dos personaxes de ficción máis coñecidos no mundo.

Esta nova historia orixinal comeza cos dous galos na pequena vila de Amorica. Os seus habitantes gozan dunha vida tranquila até que o druída Panoramix recibe unha estraña carta que levará a Astérix e Obélix a vivir na procura dun tesouro que xamais esquecerán. Viaxarán cargando co menhir de cristal a través de terras recónditas cheas de novos e inesperados perigos.

Astérix e Obélix XXL3: O Menhir de Cristal ofrece un contido completo destinado a seguidores de todas as idades. Haberá acción, crebacabezas, exploración… Mesmo, por primeira vez na saga Astérix e Obélix XXL, un modo cooperativo local. Por suposto, o resto de personaxes secundarios habituais, como Asurancetúrix e Abraracúrcix, tamén farán acto de presenza.

Dúas edicións coas que dar envexa aos romanos

O título tamén estará dispoñíbel en dúas edicións de luxo.

O título chegará ás tendas en dúas magníficas edicións:

  • Unha limitada, co xogo e dous figuriñas dos galos máis famosos creados por René Goscinny e Albert Uderzo.
  • Unha coleccionista que, ademais do xogo, incluirá tamén unha figura de resina de Obélix e Ideafix de 15 centímetros, e as dúas figuriñas da edición limitada.

O xogo ten previsto o seu lanzamento para o 21 de novembro de 2019 en  PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch e PC

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *