Biomutant anuncia unha actualización con melloras propostas pola comunidade
Despois dunha primeira recepción máis que morna, os responsables de Biomutant anunciaron unha grande actualización que incorporará diversas melloras baseadas no feedback da comunidade que posúe a nova obra de THQ Nordic. «Estamos a traballar no ritmo dos diálogos, as opcións do narrador, as opcións de dificultade, as opcións de vídeo, como a profundidade de campo e o motion blur; as opcións relacionadas coas recompensas e os inimigos, así como o son e o combate», comentan desde a súa conta de Twitter.
We are working on the pacing of dialogues, narrator settings, difficulty settings, video settings like depth of field and motion blur, loot and enemy tuning as well as sound and combat.
— Biomutant (@Biomutant) May 29, 2021
Malia debutar en Steam con máis de 55.000 xogadores simultáneos, as recensións dos xogadores foron maioritariamente negativas, criticando con dureza certos aspectos do xogo como as animacións, a historia ou a falta de fondo no combate. En menos dunha semana, Biomutant pasou dese número de xogadores tan lucido a tan só 9.000 de media, cun pico de 18.000 nas últimas horas.
O título creado por Experiment 101 preséntase como unha proposta de mundo aberto, estilo RPG, cheo de acción, sexa con disparos ou con espadas, con máis de 60 quilómetros cadrados que percorrer e moitos segredos por descubrir. Veremos se conseguen darlle a volta ás críticas.