"> Bleeding Edge vivirá a súa primeira gran proba esta fin de semana en PC e Xbox One – Revista Morcego
Actualidade Bleeding Edge vivirá a súa primeira gran proba esta fin de semana en PC e Xbox One

Bleeding Edge vivirá a súa primeira gran proba esta fin de semana en PC e Xbox One

Bleeding Edge é o novo xogo de Ninja Theory, un proxecto multixogador de acción e combate que esta fin de semana terá o inicio da súa fase beta pechada. Trátase dunha período de probas que se realizará entre o venres 14 (ás 19 horas) e o luns 17 de febreiro (até as 17 horas), tanto en Xbox One como en PC (Steam). Poderán acceder a ela aqueles usuarios que teñan unha reserva do título ou estean subscritos ao servizo Xbox Game Pass.

A compañía xa permite descargar o xogo que presentará diversas novidades, perante a idea de mostrar a evolución desde as alphas pechadas anteriores. Haberá melloras na Watchzone, recompensas tras os combates, novos emotes e unha boa cantidade de elementos cosméticos para decorar o hoverboard. Estréanse tamén as paradas, unha mecánica que consiste en esquivar os golpes dos rivais se pulsamos o botón no momento exacto.

O 13 de marzo, segundo explica Ninja Theory, abrirase unha nova fase de probas, aínda que se descoñece a súa duración. Posteriormente, o 24 de marzo, o título estrearase nas dúas plataformas sen incorporar microtransaccións dentro do xogo. Terá edición física e ademais contará cun prezo de saída de 29,99 euros.

Carlos Pereiro
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.