Actualidade Carballo  Interplay fíxase na industria do videoxogo

Carballo Interplay fíxase na industria do videoxogo

O Carballo Interplay, festival de contidos dixitais e primeiro en dar acubillo a webseries da península, acaba de iniciar o seu programa. Os seus contidos van máis aló da ficción seriada e buscan explorar as posibilidades da Internet como medio para a narración, o humor máis trasgresor, a non ficción, a cultura dixital, o patrimonio audiovisual ou a performance interactiva; sempre co vídeo como base. Este ano, quixeron tamén incluír contido centrado na industria do videoxogo.

A continuación tes os puntos centrados no sector:

  • Conferencia “Nin musas nin segundonas: as mulleres que crearon a industria do videoxogo”, de Isabel Cano. Isabel, é deseñadora UX e ilustradora, actualmente é profesora de desenvolvemento de videoxogos, deseño multimedia e robótica nun colexio. Coordina os obradoiros de Girls Make Games en España e colabora activamente en FemDevs. Investiga a influencia das vangardas artísticas do século XX nos videoxogos na súa tese de doutoramento para ensinarlles historia da arte a alumnos de educación primaria.

Na conferencia fará un percorrido persoal e como homenaxe ás mulleres que forman e formaron parte da industria do desenvolvemento de videoxogos. Ademais analizará diferentes representacións de distintos títulos e faranse unha serie de reflexións sobre a importancia de ter referentes, sobre que iniciativas xurdiron en busca dun cambio e sobre que podemos achegar para visibilizar o traballo das compañeiras.

  • Esta edición tamén contará cun obradoiro de creación de videoxogos para rapazas de entre 10 e 13 anos a través de Girls Make Games. Nesta actividade de balde veranse nocións básicas de deseño e unhas pequenas bases de programación cun programa sinxelo de usar e adaptado á idade das asistentes. As rapazas sairán do taller cunha demo dun xogo feito por elas mesmas.
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.