Desmenten a chegada de Street Fighter V para Nintendo Switch
Hai uns días, o portal de venda de videoxogos EB Games Canada publicou na súa conta de Twitter un anuncio sobre Street Fighter V Champion Edition. Podería quedar a cousa aí, un simple chío, pero o sistema elixido para a oferta era Nintendo Switch. Trataríase dunha versión con todo o contido do xogo lanzado até o de agora a prezo reducido.
Após aparecer os típicos rumores que apuntaban a unha posíbel filtración, a páxina pediu desculpas, asegurando que o creador do anuncio trabucárase de plataforma de xogo. Porén os rumores continuaron. Perante esta situación, Yoshinori Ono, produtor do título, decidiu realizar un comunicado claro e á vez irónico sobre o anuncio. «Que? De ningún xeito, onde podo obter este produto?», comentou na rede social do paxaro azul. «Tal artigo non existe neste momento. Grazas!».
Whaat!?
No way, where can I get this product?
… Could it be that we didn’t realize that someone are making it?
;DSuch item does not exist right now.
Thanks! https://t.co/0hYBet71aR— Yoshinori Ono (@Yoshi_OnoChin) January 26, 2020
Haberá que seguir esperando. Street Fighter V Champion Edition si estará dispoñíbel para PlayStation 4 e PC. Unha edición que traerá a Gill como personaxe xogable, 40 loitadores, 34 pantallas nas que combater e máis de 200 traxes. O 14 de febreiro estará nas tendas a un prezo de 29,99 euros.