Digimon Survive fixa a súa data de saída para o 29 de xullo
O produtor de Digimon Survive, Kazumasa Habu, confirmou que a data de lanzamento do novo título da franquía Digimon será o 29 de xullo deste ano, e que chegará a todas tendas do mundo de xeito simultáneo. Sairá en Xbox One, PS4, Switch e PC —en Steam—.
Editado por Bandai Namco e anunciado no 2018, é unha desas obras que xa leva non un, senón varios adiamentos. A Covid-19 e as súas consecuencias no mundo do videoxogo, como non. O certo é que alén destas novas, ao redor dos seus atrasos, non temos moita máis información sobre o xogo; si algún tráiler e algún que outro adianto audiovisual.
Segundo o produtor, o título romperá co ton e estrutura da serie ao ser máis «escuro e adulto» e os digimon serán metades do interior dos seus compañeiros e «reinventará a orixe dos monstros dixitais: «esta é a primeira vez que os monstros, que adoitaban ter unha existencia etérea, poderán interaccionar coa xente no mundo moderno» —aínda que se mal non lembro, nas series televisivas realmente si había un grao de interacción co mundo real—.
Sexa como for, o que si temos claro é que será unha visual novel dividida en varios capítulos que nos deixará progresar a través de conversar co resto de personaxes e onde as nosas decisións terán consecuencias na «evolución dos nosos monstruosos aliados».