Actualidad A industria galega do videoxogo xa conta cunha base de datos especializada

A industria galega do videoxogo xa conta cunha base de datos especializada

Ter un lugar fixo ao que poder ir na procura de información actualizada será sempre unha das ferramentas máis útiles e importantes en calquera dos eidos culturais. O videoxogo galego xa ten o seu. A Asociación Galega de Videoxogos (videoxogo.gal) e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia acaban de unir forzas xunto con DeVuego para crear unha listaxe unificada que amosa información específica sobre o sector do videoxogo no país.

O obxectivo non é outro que abordar, visibilizar e divulgar a realidade do medio na nosa terra, a industria que existe e que crea. Agora, cando alguén pregunte que videoxogos se fan en Galicia, ou que estudios están a traballar na comunidade, poderán descubrilo de xeito sinxelo e rápido, con só unha visita a base de datos de DeVuego_GAL. Por suposto, toda esta información poderá ser consultada en galego.

A base de datos de DeVuego naceu do esforzo realizado por Yova Turnes, unha iniciativa coa que amosa boa parte do sector profesional de España, e que permite atopar unha guía eficaz de todas as obras que se van xestando na Península, mais tamén de medios, asociacións, etcétera.

«Creo que esta base de datos é unha ferramenta moi útil porque non só nos permite coñecer o que se está a facer en Galicia, senón que tamén nos dá información do que se fixo e pode axudar non perder a historia do videoxogo galego, tarefa que se complementa coa preservación do videoxogo que está a realizar a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia», explica Luz Castro, que forma parte tanto de videoxogo.gal como do MUVI. «Eu levo un tempo dicindo que estamos nun momento efervescente para o videoxogo galego, xurdiron moitas iniciativas moi interesantes nos últimos tempos, así como colaboracións con outras industrias culturais. O videoxogo gañou por fin o seu lugar dentro da cultura galega, mais isto debe ir acompañado dunha estrutura empresarial que aínda está por construír».

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.