Opinión E3 2021 :: Un mal ano como outro calquera

E3 2021 :: Un mal ano como outro calquera

Hai quen di —e hoxe resulta máis difícil retrucar do que hai unha semana— que o E3 vai no camiño de se converter nun fósil do que foi, un recordo nostálxico dunha época que, conforme os anos pasaren, menos xente lembrará, porque as novas xeracións irán escollendo novos eventos-referente. É posíbel. Na miña experiencia —que non abrangue a historia enteira da feira dos videoxogos—, parte da experiencia-E3 é a mesma decepción: sempre, mesmo nos mellores anos, os instrumentos desafinados prevalecen sobre os instrumentistas virtuosos; as expectativas, excesivamente altas, acábannos mancando máis do que quereriamos recoñecer; e volvemos para a casa, ao final, coa sensación certa de todo tempo pasado ter sido mellor.

Hai dúas posibilidades aquí: ou temos razón todos os anos, e o E3 cada ano é máis doente e estamos a vivir o final do seu declinio histórico, ou ben o E3 é periodicamente igual de malo; o cal, sendo máis leve, tamén é unha miga triste. Ouvín moito por aí que o esperábel desta última iteración da feira era un perfil baixo, porque a Covid demorara ou parara de súpeto os procesos de desenvolvemento e porque viñamos dun 2020 en que, lembremos, non houbo E3 ningún. Feitas as operacións con ese Excel, as contas saen: os números son positivos. Comparado co nada, o E3 2021 estivo ben.

Serei franco. Nesta última semana pasei por experiencias que preferiría non repetir e que certamente non repetirei en seguintes anos, en que volverei á miña dinámica habitual de achegarme ao E3 a posteriori, cando outros xa probaron os velenos por min. Penso, por exemplo, no desconcertante espectáculo de Square-Enix ou no baleiro case absoluto de Capcom. Cónstame que a conferencia da dupla Xbox / Bethesda foi celebrada, mais fico coa dúbida de se foi celebrada por puro contraste. Non sei con certeza, agora mesmo, se a lembro como un chisco mellor do que as outras porque todo o mundo insiste en que así foi.

Incluso eventos máis pequenos, realizados en paralelo e cun albo underground deixaron moito que desexar. A cousa é grave, porque un esperaría que eses títulos, desenvolvidos por cadros de persoais máis reducidos e por iso menos afectados loxisticamente pola pandemia, poderían ter funcionado mellor. Non foi o caso; o Wholesome Direct, por exemplo, foi unha viaxe psicodélica, e resultou mesmo humorística a pesar da súa boa vontade. Sendo que exercía como (un posíbel) representante da esfera independente, podería encontrar aquí máis dun motivo de preocupación.

Como moitas outras ilusas, pensei que Nintendo ía chegar para salvar o día —que é, aliás, outra desas lendas repetidas ano tras ano até pareceren verdadeiras. En comparación, diría que o Direct resultou correcto, mais que tivo a mala fortuna de centrase en títulos tradicionalmente asignados a unha consola portátil: Shin Megami Tensei, Advance Wars, Wario Ware, un Metroid 2D… O de Nintendo non estivo mal, non; seis de cada os meus dez soños dos últimos catro anos estaban protagonizados por Wario anunciando o seu fulgurante retorno. Que estou que non caibo na cuncha, vaia.  Mais saín da conferencia confuso, querendo mercar unha 3DS e non aproveitar unha Switch que teño morta de risa no salón. Os xogos moi bos, mais enganáronse nos tempos. De Breath of the Wild 2 podo dicir que hoxe non teño máis gana del da que tiña hai un mes, e iso é estraño. Un mal trailer pode telo calquera. Mais Zelda non: Zelda ten que romper internet. E non o fixo.

Como é sabido, as persoas non poden bañarse dúas veces no mesmo río; quero dicir, que se cadra non é tan importante se o é E3 piorou máis un ano, porque tamén eu (e todo o mundo) mudamos no camiño. E é lóxico que as nosas relacións con formas de consumo herdadas non sexan idénticas. Dito sexa de pasaxe, habería moito que discutir sobre a nosa (a miña) celebración orxiástica e anual do E3; ano tras ano escollemos (escollo) non ver o que representa, o que fomenta e o que dificulta. Algunhas preguntas: que lugar esperamos para os videoxogos na cultura e no debate público da década que entra? É positivo escollermos o modelo da feira de negocios como a súa consagración anual? Ou esta celebra os seus aspectos máis industriais e mercadolóxicos? É lícito ignorarmos a capacidade de marcar os debates e tendencias que detentan as grandes compañías multinacionais? Son ideas que rascuño mais que non é agora o momento de debater. Limítome a cousas máis prácticas: mentres durou o E3 oficial, non houbo nada que me fixese mexerme na cadeira, e iso faime preguntarme se, como parece, a feira está nun mal momento ou se non serei eu quen está a comezar a relacionarse dunha maneira distinta cos videoxogos.

Talvez o tipo de gozo que experimentaba hai uns anos fose, simplemente, propio doutra época vital. Ou talvez non, talvez estea a pedir moi pouco ás compañías. Houbo neste E3 moitos proxectos —e por tanto, moito diñeiro— para moi poucas ideas. Eu, cando vin no trailer do Elden Ring ese cabalo cruzando unha ponte no solpor —nunha chiscadela a un xogo fulcral para a saga Souls, mais poucas veces recoñecido, The Twilight Princess—, emocioneime e guindei as moedas que gardaba nun peto contra a pantalla do ordenador. Podería concluír que un bo E3 sería aquel que fai que esquezas as túas reservas éticas e estéticas contra o que realmente representa. Un bo E3 é aquel —por que non?— que consegue subornarte. Mais, en rigor, Elden Ring non fixo parte do E3, senón do Summer Game Fest. Mala sorte.

Pablo Pesado

Escribo sobre cultura e videoxogos porque peor é roubar.