Actualidad Starfield amosa un extenso vídeo de gameplay e anticipa unha exploración masiva

Starfield amosa un extenso vídeo de gameplay e anticipa unha exploración masiva

Convertido na gran promesa de Bethesda, Starfield semella estar chamado a facer grandes cousas, a ser un imprescindíbel dentro da ciencia ficción do medio, aínda que é ben cedo para saber se isto poderá ser así, pois aínda deberemos de esperar un ano —aprox.— para saber se o xogo de Microsoft está á altura desas expectativas que lle fomos cargando.

É un título importante, tanto como para pechar en solitario o Xbox Showcase cun longo vídeo onde, por fin, vemos como será e que poderemos facer nesta obra. Puidemos ver distintas localizacións, planetas, interface, xogabilidade, mecánicas, armas… Hai material. Unha mestura entre acción e aventura, exploración e RPG que semella ampla e fonda, mesmo con creación de bases, naves, personalizacións, viaxes espaciais…

En total, Todd Howard dixo que haberá máis de mil mundos para visitar. Como son estes planetas e que posibilidades reais ofrecen haberá que velo o día que o teñamos nas mans, pero promete ser algo realmente grande.

Cando sae Starfield? Na primeira metade do vindeiro ano para Xbox e PC. Estará no Game Pass desde o día un, como todos os xogos dos estudios de Microsoft.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.