Actualidade Football Manager é demandado polo Manchester United por utilizar o seu nome

Football Manager é demandado polo Manchester United por utilizar o seu nome

Unha das franquías deportivas máis queridas polos afeccionados ao balompé é Football Manager. A saga de xestión de equipos de fútbol posúe un gran arraigamento en Inglaterra e precisamente un dos clubs insignia das terras británicas non está de acordo co uso do seu nome no xogo. O Manchester United emprendeu accións legais contra Sports Interactive e Sega por infrinxir o uso da súa marca usando o seu nome ao longo do tempo no xogo. Os red devils alegan. ademais. que non utilizan o seu escudo oficial, senón que empregan unha versión simplificada.

Sega non tardou en responder. A compañía nipoa argumenta que usaron o nome do Manchester United desde a creación da Premier League no ano 1992 «sen queixas por parte do equipo» e acóllense ao uso lexítimo do club nun contexto de fútbol. A exposición da desenvolvedora continúa, sinalando  que o club de Manchester tenta «evitar competencia lexítima no campo dos videoxogos evitando que partes non licenciadas polo demandantes poidan usar o nome do equipo nos seus xogos».

O Manchester United foi máis aló, xa que tamén pretende que os mods e parches creados polos usuarios sexan eliminados xa que, segundo eles, Sports Interactive e Sega promoven e alentan o seu uso en Football Manager. Deste xeito, ambas as dúas empresas beneficiaríanse dos mesmos sen recorrer a ningunha licenza e aumentando as vendas do xogo.

Juan Sanmartín

Colaborador de Morcego. Videoxogos, deporte, cómics ou cine son as miñas paixóns.