Actualidade A tarxeta Nvidia RTX 2060 poñerase á venda o 7 de xaneiro

A tarxeta Nvidia RTX 2060 poñerase á venda o 7 de xaneiro

A páxina Videocardz, portal especializado en tarxetas gráficas, de vídeo e GPUs, filtrou esta semana a data de lanzamento da nova Nvidia GeForce RTX 2060. A súa chegada ao mercado producirase o 7 de xaneiro en Estados Unidos. A versión para vender sería a Founders Edition e tería un prezo de saída de 349 dólares. O 15 de xaneiro comezaría a chegar a distribuidores externos.

Segundo a información desvelada na páxina de tecnoloxía, a tarxeta tería máis velocidade que unha GTX 1070Ti e contaría cun soporte para tecnoloxía ray tracing. Visto así, podería semellar que Nvidia desexa ampliar a súa gama de tarxetas e ofrecer unha opción alcanzable e acceesible para a carteira que axude á tecnoloxía de renderizado de raios en tempo real a popularizarse polo mundo.

A GeForce RTX 2060 posuirá 1920 núcleos CUDA, 240 núcleos Tensor, 30 núcleos RT, 120 TMU e 48 ROP. A velocidade de referencia en boost será de 1680 MHz.

Tomando como referencia estes datos, poderíase falar dunha tarxeta de gama media, sucesora espiritual da GTX 1060 con arquitectura Pascal. Segundo a propia Nvidia, cunha resolución de 1080p e o ray tracing activado, ofrecerá en Battlefield V un rendemento de 65 imaxes por segundo sen DLSS e de 88 imaxes por segundo con DLSS. Sen ray tracing chegaríase a 90 imaxes por segundo.

Na seguinte gráfica aparecen as probas de rendemento en múltiples videoxogos filtradas por Videocardz. Quizais sexan do teu interese se estabas a pensar en cambiar de tarxeta este ano.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.