Gaming Ladies celebrará a súa cuarta edición o 14 de decembro
Cuarta edición xa do Gaming Ladies. A organización desta cita exclusiva para mulleres acaba de confirmar a súa data de celebración: será o 14 de decembro en Barcelona, máis concretamente no auditorio de Mediapro a partires das 18 horas.
Cunha duración aproximada de dúas horas, contará con dous bloques ben diferenciados: o primeiro, con charlas de profesionais do sector do videoxogo; e o segundo, baseado no networking entre as asistentes ao evento.
Hai catro poñentes confirmadas:
– Marta Aguilera: Game Developer en King Londres.
– Leti M. Vila: 3D Character Artist / Mocap Animator.
– Marta Trivi: Xornalista cultural especializada en videoxogos.
– Paula Vázquez: Directora Corporativa na LVP.
Cunha entrada gratuíta están convidadas a asistir “todas aquelas mulleres, trans e cisxénero que o desexen” sinalan dende a organización. Iso si, debe solicitarse a entrada, de maneira anticipada, a través dun formulario. Por outra banda, recoméndase chegar á cita uns trinta minutos antes do comezo previsto.
Gaming Ladies quere reunir a mulleres de todo tipo, estudantes e profesionais do sector, co obxectivo de compartir experiencias e preocupacións ao redor do mundo dos videoxogos. O ano pasado contou coa asistencia de 300 mulleres.