Actualidade No More Heroes 3 adía o seu lanzamento en Switch

No More Heroes 3 adía o seu lanzamento en Switch

No More Heroes 3 atrásase até o 2021. A crise sanitaria provocada polo coronavirus continúa a ser unha problemática difícil coa que convivir dentro da industria do videoxogo, por iso Suda51, principal responsábel detrás do título, anunciou en persoa o cambio de data para a estrea.

No seu comunicado, o desenvolvedor pide desculpas aos seguidores do proxecto, e asegura que están a recuperar o ritmo de traballo previo á crise; agora queren concentrar os seus esforzos na calidade. «De novo, sentímolo. Esperamos que todos aqueles que estiveron pacientemente esperando por No More Heroes 3 entendan e acepten esta decisión, nmentres seguimos traballando duro no título para alcanzar un lanzamento no 2021», explica.

Alén das malas novas, no último parágrafo do anuncio tamén se sinala que un dos artistas e creadores de The Boys, o debuxando californiano Darick Robertson, vén de unirse ao proxecto coa intención de achegar ideas a algunhas das ilustracións que veremos no xogo. A primeira destas imaxes xa foi publicada e podes vela ilustrando esta noticia.

No More Heroes 3 narrará a volta de Travis Touchdown a Santa Destroy logo de 10 anos onde descubrirá unha misteriosa illa artificial chea de asasinos. Chegará a Nintendo Switch nalgún momento do vindeiro ano.

 

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.