Actualidade O produtor executivo de Overwatch abandona Blizzard

O produtor executivo de Overwatch abandona Blizzard

O produtor executivo de Overwatch, Chacko Sonny, anunciou a súa marcha de Blizzard. É outro carbón máis para as ascuas nas que se converteu a compañía dona de Diablo ou World of Warcraft, incenciada por diversas batallas legais como a denuncia por parte do estado de California que sinalou a cultura de acoso sexual e discriminación que se practicaba nas dependencias da empresa.

Segundo un comunicado oficial enviado a Polygon, o produtor deixou a empresa «para se tomar un descanso após cinco anos de traballo». Malos tempos para Overwatch 2? A compañía négao, e fala dun progreso excelente e da súa fase final de produción, mais polo camiño perderon a Jeff Kaplan, director do proxecto e vicepresidente de Blizzard, e, apenas cinco meses despois, a Sonny.

A sangría de baixas non acaba aí. Ademais dos cargos xa mencionados, o presidente de Blizzard, J. Allen Brack e a xefa do departamento legal, Claire Hart, tamén abandonaron a empresa. Algún tempo despois da demanda inicial, o estado de California acusou a Activision-Blizzard de destruír documentos e de obstruír as iniciativas de cambio dentro da empresa e, non hai moito, a Comisión de Bolsa e Valores citou o seu actual CEO, Bobby Kotick, para declarar sobre a situación.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.