Pokémon GO iniciará este marzo a Tempada de Lendas, con novos Pokémon e eventos

Pokémon GO iniciará este marzo a Tempada de Lendas, con novos Pokémon e eventos

Coa chegada da actualización GO Beyond coñecimos as tempadas con eventos temáticos. Niantic acaba de anunciar que é o momento da Tempada de Lendas.

A partir do 1 de marzo e até o 1 de xuño, os Pokémon Lendarios gañarán peso dentro do título para dispositivos móbiles e trae máis aparicións especiais deste tipo de criaturas e mesmo a incorporación dalgúns Pokémon nunca vistos en GO, como Tornadus, Thundurus ou Landorus na súa forma tótem.

Durante sete semanas chegarán outros Pokémon Lendarios xunto con máis Pokémon Megaevolucionados, polo que non é mala idea ir trazando algúns plans con amigos e aforrar para Pases de Incursión Remota, xa que albiscamos tormenta.

Como é habitual, os Pokémon que aparecerán en estado salvaxe tamén cambiarán ao longo do trimestre próximo. Segundo vivas no hemisferio norte ou sur, verás Pokémon relacionados coa primavera ou co outono. Así quedan as listas:

  • Hemisferio norte: Deerling na súa forma primaveral, Turtwig, Chimchar e Piplup (os Pokémon iniciais de Sinnoh), Combee, Cottonee, Croagunk, Dratini, Ducklett, Scyther e Tangela, entre outros.
  • Hemisferio sur: Deerling na súa forma otoñal, Snivy, Tepig e Oshawott (os Pokémon iniciais de Teselia), Bagon, Buizel, Ferroseed, Mankey, Pineco, Woobat e Yanma, entre outros.

Doutra banda, os Ovos tamén poderán conter novos Pokémon e habilitarase unha nova tarefa de investigación especial. Tamén se activarán bonificacións como unha maior obtención de puntos de experiencia nas Incursións de cinco estrelas ou Pases de Incursión Remota que chegarán á tenda de balde.

Por último, comentar que o 6 de marzo será o Día da Comunidade, con Fletchling como gran protagonista, pero non o único. O mes que vén dará comezo a liga de Combate GO para pouco despois abrir a participación en eventos que Niantic irá revelando aos poucos.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.