Actualidade Tencent non logra introducir PUBG no mercado chinés

Tencent non logra introducir PUBG no mercado chinés

O xigante chinés Tencent non conseguiu que PlayerUnknown’ s Battlegrounds entre no mercado chinés. A empresa tecnolóxica interromperá hoxe a versión de testeo coa que levaba traballando dende hai meses no país oriental. O motivo non é outro que as medidas tan estritas dos organismos reguladores do propio goberno. Tras agardar un ano polo seu beneplácito, este non chegou e decidiron tirar a toalla.

China non terá PUBG. Un fracaso comercial para Tencent e BlueHole dado o potencial evidente que ten o mercado do país asiático, e que pronto alcanzará a cifra de os 354 millóns de xogadores de PC. O xogo chegaría a estas terras cun «lavado de cara socialista» segundo comentouse aos medios no 2017, para así poder contentar aos organismos que aplican as leis locais dentro dos videoxogos e as súas temáticas.

Segundo parece, a versión anticipada deste PUBG funcionou moi ben entre os usuarios e agardábase con moitísima gana o lanzamento oficial. Porén, xa non se producirá, modificando os plans iniciais de Tencent, que agora se verá na obriga de levar a base de usuarios conseguida ao Game for Peace, un título esteticamente diferente ao de BlueHole pero cunha premisa battle royale similar.

Tencent vén dee confirmar que desiste da súa intención de levar PUBG a China.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.