Actualidade Inside Xbox :: Microsoft amosa os primeiros pasos da nova xeración

Inside Xbox :: Microsoft amosa os primeiros pasos da nova xeración

Microsoft non deu case tempo para respirar ao longo do seu último Inside Xbox. A compañía de Redmond segue querendo estar un paso por diante de Sony no camiño que leva cara á nova xeración de consolas e este xoves, 7 de maio, puidéronse ver, por primeira vez, varios dos títulos que irán chegando para a futura máquina —aínda que tamén o farán para Xbox One—.

Durante case unha hora, a marca Xbox puido sacar a relucir unha e outra vez o lema World Premiere, coa idea de sorprender aos centos de miles de persoas que permanecían nas diferentes canles albiscando esta primeira onda de títulos. Que xogos puidemos ver? Como loce a nova xeración? A continuación tes os principais anuncios realizados, malia que como pega evidente está a ausencia de gameplay real.

 Bright Memory: Infinite

Presentouse como un shooter en primeiro persoa pero cargado de referencias a outros xéneros a través das súas mecánicas veloces e áxiles. Está a ser desenvolvido por FYQD-Studio, e propón unha viaxe atée o ano 2036, intre no que un estraño fenómeno no ceo provoca unha investigación especial por mor de diversos eventos ligados a esta misteriosa aparición.

Dirt 5

Como moitos outros dos xogos anunciados durante o Inside Xbox, a vindeira entrega do título de carreiras de Codemasters contará coa tecnoloxía Smart Delivery, é dicir, se o compras en Xbox One recibirás a versión de Series X. Así loce nas súas primeiras imaxes.

Scorn

Suando escuridade. A estética de Scorn mantense desde a súa primeira mostra, tempo atrás. Ebb Software continuou un traballo que promete terror en primeira persoa, aínda que sen data de lanzamento. A través dun tráiler cinemático ofrece parte do seu mundo sinistro, claramente inspirado na obra de H. R. Giger.

Chorus

Proposta moi interesante a que trae Chorus, e que chegará ao longo do próximo ano. Un título de corte espacial, aínda que con certos trazos sombríos, no que viviremos a historia dunha piloto. Enormes e belas batallas nese baleiro que ocorre fóra das atmosferas. Gran presentación.

Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2

Paradox Interactive aproveitou o evento para confirmar que Vampire: The Masquerade – Bloodlines 2 chegará tamén a Xbox Series X. Pouco máis que engadir, máis aló das súas novas imaxes e macabras imaxes.

Call of the Sea

Un belo apartado gráfico serve de presentación para un xogo de aventuras ambientado na década de 1930 no Pacífico Sur. Deberemos explorar unha exuberante illa e descubrir os segredos dunha civilización perdida na procura da expedición desaparecida do noso marido. Sen data de saída.

The Ascent

Outro nome novo para a lista. The Ascent preséntase en sociedade como un xogo de rol de acción en solitario e cooperativo ambientado nun mundo ciberpunk. A mega corporación The Ascent Group, acaba de colapsar. Poderemos sobrevivir sen ela?

The Medium

Soa esa melodía a Silent Hill? Non é casualidade, detrás desta obra de terror psicolóxico estará o xenio Akira Yamaoka xunto con Arkadiusz Reikowski. Grata sorpresa para o público con fame de novas IPs dentro do xénero.

Scarlett Nexus

Acción frenética de aspecto e deseño similar ao de obras como Astral Chain. Nun futuro moi afastado, a última esperanza da humanidade cae en mans dun grupo de elite de soldados psiónicos que loitan contra unha ameaza invencible coñecida como Outros. O noso papel? Desvelar os misterios dun futuro Brain Punk atrapado entre a tecnoloxía e as habilidades psíquicas.

Second Extinction

Se os dinosauros xa tiveron problemas no seu día co famoso meteorito e o cambio climático, semella que terán que vivir novos ataques nesta proposta de Avalanch —Mad Max, Rage 2—, un intenso FPS cooperativo para tres xogadores. Enormes grupos de dinosauros mutantes con fame quererán acabar connosco. A Terra non se vai a salvar soa.

Assassin’s Creed Valhalla

Na práctica, era o único xogo co que se contaba de xeito oficial. O novo de Ubisoft deixouse ver a través dun novo tráiler onde afonda na súa proposta viquinga. Quizais saiba a pouco, pois había gana de ver algo máis do novo título da franquía de asasinos. Haberá que agardar un pouco máis.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.