John Wick Hex, o novo título do creador de Thomas Was Alone

John Wick Hex, o novo título do creador de Thomas Was Alone

O éxito de John Wick é un deses sorprendentes casos de Hollywood. Unha película que bebe da acción máis pura do cinema americano e que a través dun guión sinxelo pero eficaz logrou colocarse como unha lenda con nome de seu dentro do xénero. Keanu Reeves demostrou estar en plena forma (envellece este home?) á hora de interpretar a un asasino movido pola vinganza despois da morte do seu can. Nunha semana estará a súa terceira película.

En fin, que o salto á industria do videoxogo tradou máis do debido, pero por fin está confirmado: Mike Bithell, creador do ben recibido Thomas Was Alone, é o director de John Wick Hex. Trátase dun proxecto máis que serio. Conta con licenza oficial e aínda que non se confirmou a presenza do propio Reeves, si que se fixo no caso de Ian McShane (American Gods), e Lance Reddick (Fringe, The Wire), ambos personaxes importantes dentro da franquía.

O título parece estar nun estado bastante avanzado de produción, e presentouse a través dun vídeo no que aposta por un estilo gráfico moi interesante, próximo ao cel shading; e con mecánicas que parecen inspiradas na serie XCOM, de estratexia por quendas.

John Wick Hex será exclusivo de a Epic Games Store, aínda que se descoñece a data exacta de saída. Posteriormente tamén fará a súa aparición en consolas.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.