Just Dance 2020, o derradeiro xogo que bailará Wii

Just Dance 2020, o derradeiro xogo que bailará Wii

O tempo pasa, e pasa moi axiña se o pensamos un segundo. Seis anos pasaron xa desde que Nintendo Wii vira chegar a fin da súa produción; pero, segundo Ubisoft, aínda ten un último baile que botar, o derradeiro. A compañía francesa preesentou Just Dance 2020 durante o último E3, mantendo a tradición habitual. O 5 de novembro chegará a PC, PlayStation 4, Xbox One, Nintendo Switch, Stadia e si, a Wii.

«Creo que somos o último soldado en pé. Representamos o derradeiro xogo de Wii e sentímonos felices por iso se temos en conta que aínda hai moitos fans esperando a xogalo na devandita plataforma. Agora vemos que moitos se pasan a Switch e ao final do presente ano Just Dance 2020 será un dos mellores xogos dsta plataforma xa que hai máis e máis familias xogando nela, tal e como sucedeu na época de Wii», explica AlainCorre, director de Ubisoft en Europa, nunha longa entrevista concedida a The Telegraph. Seguindo as súas palabras, o executivo sinala que é a única compañía que a día de hoxe continúa a producir para Wii, o que converterá ao título de baile no último xogo que vexa a luz nesta plataforma.

Unha despedida amarga, coma case todas, pero que pecha o círculo –polo menos en principio– dunha máquina que gozou de enorme popularidade desde o seu lanzamento. Aparecida no 2006, Nintendo Wii despachou máis de 101 millóns de unidades en todo o mundo, unha cifra que a converte na terceira consola de sobremesa máis vendida da historia, tendo só por encima á PlayStation e á PlayStation 2 –a primeira con 102,49 millóns de unidades vendidas e a segunda con 155 millóns–.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.