Actualidade Kings Dragon colabora na Operación Quilo con partidas e torneos solidarios en liña

Kings Dragon colabora na Operación Quilo con partidas e torneos solidarios en liña

Solidariedade e videoxogos tamén poden ser unha unión memorable. Kings Dragon está a colaborar coa Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia para axudar as persoas que viven nunha situación desfavorecida. Como? Coa realización dun evento dixital, distribuído nun total de catro días —5, 6, 13 e 20 de decembro— coa idea de dar difusión á campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene, amais de promover doazóns nos puntos de recollida.

Kings Dragon, equipo de deportes electrónicos con sede en Galicia, explicou nun comunicado como se realizarán estas citas e en que consistirán. O 5 de decembro, coincidindo co Día Internacional do Voluntariado, levarán a cabo varias Partidas Solidarias, co obxectivo de pasar un bo anaco, sen ningunha aspiración competitiva. Fortnite, League of Legends, Valorant ou Among Us serán os títulos escollidos para este día. Ao estar formados os equipos de maneira aleatoria polos organizadores, non é preciso ter equipo previo, só gana de gozar xogando.

Cada rexistrado deberá doar 2 euros por persoa e competición, ou 5 euros se quere participar en todas as partidas programadas. Esta inscrición poderá realizarse a través da páxina de crowdfunding da Operación Quilo, e tamén o formulario desta ligazón. Doutra banda, os días 6, 13 e 20 de decembro está programado o Torneo Solidario Online, con competicións de Fortnite, Valorant e League of Legends. A inscrición, individual para o primeiro xogo, e en grupo para os outros dous títulos, pódese realizar a través desta ligazón. Tamén deberán doar dous euros cada integrante á Operación Quilo.

O evento será retransmitido pola canlede Twitch de Kings Dragon e todo o recadado durante a súa emisión será destinado, de xeito íntegro, á campaña solidaria. Así, haberá diversas formas de achegar material ou diñeiro ao evento, ou simplemente axudar e colaborar:

  • Entregando alimentos non perecedoiros ou produtos de hixiene nalgún dos puntos de recollida da Operación Quilo da túa cidade
  • Inscribíndote como participante nas Partidas Solidarias ou nos Torneos Solidarios
  • Facendo unha doazón a través da o páxina da campaña de crowdfunding da Operación Quilo
  • Compartindo e facendo difusión da campaña ou do evento en redes sociais
  • Pasando polo directo a través de Twitch no que se emitirán as partidas
Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.