Actualidade Klei Entertainment defende a súa independencia alén da compra de Tencent

Klei Entertainment defende a súa independencia alén da compra de Tencent

O fundador e director de Klei Entertainment, Jamie Cheng, quere deixar claro que o seu estudio seguirá funcionando como unha entidade autónoma malia que Tencent pasara a ser a dona maioritaria da empresa. Fíxoo a través dunha actualización recente nos foros do estudio responsable do exitoso Don’t Starve e os seus spin-off.

Segundo Cheng, o xeito de traballar do estudio manterase como até o de agora, con algunhas reformulacións menores en relación á contabilidade e a economía interna do grupo. O fundador destaca que Tencent se ocupará da maioría das finanzas do estudio, permitíndolles aos traballadores ter máis tempo para se centrar na parte creativa: «esta asociación axúdanos a navegar mellor pola cambiante industria, axudándonos a concentrarnos no que mellor facemos: crear experiencias únicas que ninguén máis pode facer».

Fundado no 2005 en Vancouver, Canadá, Klei desenvolveu aproximadamente unha ducia de xogos para consolas, PC e plataformas móbiles. O seu primeiro contacto con Tencent produciuse en 2016 cando a compañía chinesa converteuse na editora de Klei no país asiático, axudando a que o seu maior éxito, Don’t Starve, contara cunha boa estrea na principal plataforma de distribución dixital do país asiático. O pasado 23 de xaneiro, a compañía chinesa convertíase no socio maioritario de Klei.

Carlos Pereiro

Creador de Morcego. Escribo cousas, falo de cousas e encántame escoitar cousas.