Reportaxes Koichi Sugiyama e as probas draconianas

Koichi Sugiyama e as probas draconianas

Falar de Koichi Sugiyama é facer referencia a un dos compositores pioneiros máis importantes dentro da industria dos videoxogos. O responsable dunha primeira nota ben afinada que deu pe e contexto ao conxunto da obra que estaba por chegar.

O PRÓLOGO

Na década dos oitenta, un xa coñecido Sugiyama polas súas composicións para cine e televisión entre as que destacan O regreso de Ultraman ou Cyborg 009, ou a súa colaboración en Godzilla vs. Hedorah, contactou con Enix (moito antes da súa fusión con Squaresoft) como un simple admirador dos títulos da compañía. Un xesto inocente que lle abriría o camiño cara a colaboración do compositor nun primeiro proxecto chamado World Gold para, un ano despois, escribir a banda sonora da que se convertería na franquicia máis rendíbel da compañía: Dragon Quest.

O COMEZO DA VIAXE

En 1986 publicase en Xapón e con gran éxito Dragon Quest para Famicom. Con Koichi Sugiyama ao mando do apartado musical topámonos cunha banda sonora que, a pesar de estar moi ílimitada pola tecnoloxía do momento podendo usar tan só tres canles de sintetizador, consegue reducir ao mínimo a súa esencia e presentar arredor de dez temas para este título, entre os que destaca a abertura xa comentada, e que se transformaría no santo e sinal desta saga de videoxogos, aparecendo en todas e cada unha das súas entregas, ampliada e interpretada de diversas maneiras.

O carácter das composicións para Dragon Quest seguen a liña do período Barroco: gran fanfarra e presenza dun baixo continuo que tivo gran importancia nas bandas sonoras das primeiras entregas por estar máis limitadas tecnolóxicamente que as actuais. É tremendamente coherente que unha saga de videoxogos con trinta anos de historia e tan conservadora na súa proposta xogable conte cun apartado sonoro de corte musical tan clásico.

Debido ao gran éxito do xogo e a súa banda sonora, Sugiyama foi pioneiro en compoñer unha suite sinfónica que logo sería habitualmente interpretada pola Tokyo Strings Ensemble, así como en ser gravada en directo durante a súa interpretación. Algo convertido en habitual ao longo dos anos, entrega tras entrega de Dragon Quest, edición tras edición. Mención especial á excelente banda sonora de Dragon Quest VII.

A AVENTURA CONTINÚA

Despois do éxito acadado con Dragón Quest, Sugiyama non se centrou só nese proxecto e participou activamente nas bandas sonoras de outros xogos como World Golf II & III, Tetris 2 Bombliss o Monopoly. Asemade, seguiu compoñendo para cine e televisión, apartándose un chisco do seu estilo clásico para afondar en arranxos de jazz e efectos sonoros.

Cara 1995, á idade de 64 anos, decidiu retirarse parcialmente tras o lanzamento en SNES de Mysterious Dungeon 2 e Dragon Quest VI, aínda que continuou sendo o único compositor da saga.

Para un músico, “retirarse parcialmente” resulta nun eufemismo á hora de elixir mellor a que  proxectos adicarlle tempo. Desta maneira, Sugiyama proseguiu traballando e en 1996 volveu gravar e editar todas as suites de Dragon Quest, a excepción da quinta entrega.

Anos máis tarde, coincidindo co lanzamento de Dragon Quest VIII e V para PS2 volveu estar no punto de mira debido, por fin, ao avance tecnolóxico e a posibilidade de implantar partituras completamente orquestrales en ditos xogos, interpretada pola Orquestra sinfónica NHK, sendo unha das primeiras partituras de videoxogos en ser retransmitida por streaming.

O FINAL

Actualmente, Koichi Sugiyama prosegue en activo compoñendo para todas as entregas de Dragon Quest e ofrecendo varios concertos ao ano en Xapón, acadando o récord guinness de ser o compositor para videoxogos de máis avanzada idade en activo.

O seu papel de precursor converteuno en lenda e fonte de inspiración para toda a industria do videoxogo, tamén para os seus colegas compositores xa dende moi cedo tralo seu éxito. É considerado, e non sen razón, o pai da música de videoxogos, así coma un dos cimentos nos que se fundamenta a escritura de bandas sonoras xunto a Koji Kondo e Nobuo Uematsu.

Despois de máis de trinta anos as súas melodías están moi presentes e acompáñannos ao longo de todo tipo de aventuras. Agora só nos queda agardar ao próximo periplo coa ollada posta nun pasado máis presente que nunca.

 

*Artigo escrito polo colaborador Ismael Vidal.

Redaccion

Revista Morcego, o perfil para subir a información xeral, do día a día.

Comentarios non permitidos
    • Pep
    • En: 16 de December de 2018

    “así como uno de los pilares en los que se fundamentan la escritura de bandas sonoras junto a Koji Kondo y Nobuo Uematsu.”

    Estoo, y a Yuzo Koshiro donde lo dejamos???